Materiais

     Na nosa vida diaria estamos rodeados de multitude de materiais diferentes, a reducción de gastos e a falta de control na industria fai que cada vez existan máis materiais de baixo custe...seguro? Cal é o prezo real deses materiais?... A gran maioría proveñen do petróleo, ou da outra punta do planeta, ou de comercializacións pouco xustas....coas consecuencias indirectas que todo isto acarrea (explotación, contaminación, loitas polos recursos, enfermidades...).


     En A Chintofanería cremos no uso de materiais de cercanía, naturais ou reciclados, como parte dun proxecto vital de consumo responsable, transmisor de valores e redutor da pegada ambiental. Proximidade, reciclaxe, respeto e lóxica por bandeira.
     A continuación podedes ver unha pequena descrición dos materiais que empregamos e a súa trazabilidade:


MADEIRA

     A madeira é a materia natural máis noble por excelencia, presente nas creacións humanas dende tempos inmemoriais, segue a ser un dos materiais máis respetables tanto no mundo da artesanía coma noutros eidos. Tamén é verdade que ano tras ano máis árbores desaparecen vítimas dunha deforestación irracional e malas xestións forestais...
    É por iso que sempre que podemos, a madeira que nós usamos, tanto para os xogos como para outros chintófanos, procede na súa maioría de podas e de táboas vellas recuperadas, polo que pertencen a árbores autótonas (de Pol!), coma toxo, carballo, castiñeiro, bido... Noutros casos, debido ás carecterísticas das madeiras e as dos obxectos finais, vémonos na obriga de utilizar outras madeiras coma o ocume ou o bambú.


LÁ DE OVELLA

     Chegada a considerarse prácticamente un residuo, foi sustituída por diferentes fibras sintéticas, derivadas do petróleo, e polo tanto cun proceso de fabricación moito máis contaminante. Pero a lá de ovella é un recurso natural con numerosas propiedades e multitude de aplicacións en distintas facetas da vida cotiá, que debe voltar a ser posto en valor (gracias a Velaivén polo seu traballo neste eido, e se queredes saber máis non dubidedes en contactala!).
     Nós decidimos aplicala para crear monicreques, sombreiros, complementos e algún chintófanos máis que se nos pasa pola cabeza. Principalmente a técnica que utilizamos é o feltrado, proceso ancestral anterior ao tecido, usando tanto a técnica con agulla como con auga, ainda que tamén fiamos a man para algún detalliño.




TEA

     A industria da moda marca as tendencias, que cambian cada tempada ao igual que as cores dos rios de Oriente, e a poboación cambia o armario por completo, contribuíndo así aos ingresos dos magnates textís, empobrecendo ás poboacións,contaminando... o círculo sen fin. Son moitas as prendas que cada ano van para aos vertedeiros, pero nós quixemos darlles unha oportunidade, pois para vestir aos títeres fai falta ben pouca cantidade de tea, e uns retais aparentemente inservibles poden chegar a convertirse nun traxe de gala para estes amiguiños. E isto resulta que tamén repercute na exclusividade de cada marioneta, pois nunca hai dúas iguais (elas non van a Zara!, máis ben parece que as viste Pippi Mayasnegras).


PAPEL E CARTÓN

    Non só a problemática da deforestación do planeta se non tamén o elevado consumo de auga e o uso de químicos utilizados na fabricación do papel, levounos a tomala decisión de usar estes materiais.
    As caixas dos nosos xogos están feitas con técnicas de cartonaxe, utilizando cartón de encadernar e papel de estraza. Este material está feito con papeis de recuperación, reducindo tamén o impacto ecolóxico que supoñen normalmente as ambalaxes. Para darlle un toque diferente personalizamos as caixas cos nomes dos xogos e pintamos a pincel as portadas, con tinta china, unha a unha, polo que son únicas e irrepetibles, completando así o conxunto artesán.
    As bolsas que utilizamos son tamén de papel de estraza e as caixiñas para os chintófanos máis pequenos son recicladas igualmente, adiviñades cómo as facemos? Sí! cos rollos de cartón do papel hixiénico!!
    E quen fai un papel artesán chulo, chulo e cousiñas preciosas con el é ReciclArte, non deixedes de botarlle un ollo!





4 comentarios:

  1. Xenial!!! gústame todo. A reciclaxe é imprescindible, xa vai sendo hora de ser aproveitable!!!. AAADIAAANTEEE!!!!!, eu xa quero mercar algo. PARABENS!!!!!

    ResponderEliminar
  2. Moitas gracias!! Da gusto ver que che valoran así o traballo e tamén saberse acompañada nesta viaxe, porque como dicía a canción: "no estamos locos,q sabemos lo que queremos!"

    ResponderEliminar
  3. Hola
    Tedes unha proposta caralluda e luceme os ollos ca vosa creatividade ilimitada por iso comparto cada unha das ideas que espero cheguen a un fin axeitado para cada necesidade, eu como torneiro de Compostela tou con ollo e medio encima de vos para escoitar todas esas novas con certa sinerxia e un proxecto esperanzador para desacartonar a esta nosa xuventude....
    moito animo,moito ledicia por todos vos....k facedes sentirse a un vivooo....

    ResponderEliminar
  4. Moitisimas gracias polos teus ánimos! Pouco a pouco vai tomando forma este pequeno pero entusiasta proxecto, e todo gracias á xente coma ti que nos apoia e confía en nos. Moito ánimo para ti tamén, e a ver cando nos atopamos en persoa. Àpertas.

    ResponderEliminar